Aínda que sendo basicamente de formación autodidacta, está profundamente agradecido a varios compositores e entidades que influíron decisivamente na súa formación. Eles son Rafael Co-llazo Moares, X. Carlos Seráns Olveira, Andrés Valero Castells e a Banda da Escola de Música de Rianxo, banda na que iniciou os seus estudos.
Como intérprete estudou e realizou master class con percusionistas de grande prestixio e de recoñecemento internacional como son:
Daniel Riveiro, Ramón Pérez, Tom Risco, Roberto Oliveira, César Peris, Pedro Varea, Nancy Zeltsman, Nick Woud, Tobias Guttmann, Lorenzo Ferrandiz, Ali N´ Dianye, Romain Kuonen, Jan Pustjens, Bodgan Bacanu, Rubén Montes, Juanjo Guillém, Juan Collazo, Josep Vicent, Diego Ventoso, Xabier Sabater ...
Tocou en agrupacións como: Banda Sinfónica “Filharmónica de Galicia”, Banda Sinfónica da“Federación Galega de Bandas de Música Populares”, as dúas dirixidas polo mestre X. Carlos Seráns e sendo o membro máis novo; destacando tamén a ”Agrupación de Ventos e Percusión do Conservatorio Jacinto Guerrero (Toledo)” dirixida polo mestre Enrique García Ansensio. Colaborou con diversos proxectos músico-culturais galegos como: A Nosa Clave e Musigalizando.
No 2009 comeza no mundo da composición para o medio audio-visual, estudando Scoring for Motion Pictures and Videogames con profesores de grande prestixio e ámbito internacional como:
Conrado Xalabarder, Patrick Doyle, Wataru Hokoyama, Mi-chael Giacchino, Andrea Datzman, Alejandro Vivas, James Shearman... continuando a súa formación con master class de profesores de recoñecido prestixio como Oscar Navarro. O mundo da composición para o audio-visual inflúe decisivamente na súa formación compositiva, levándoo incluso a dar conferencias no departamento de historia da Facultade de História da USC (Universidade de Santiago de Compostela). Na actualidade é profesor de percusión e compositor residente da Escola de Música de Rianxo, forma parte da AGC (Asociación Galega de Compositores), está en posesión do título profesional de percusión e ten numerosas obras estreadas e interpretadas en países como: España, Portugal, EE.UU, Alemania, Holanda, México, Colombia, Canadá, Italia, Bélxica e Australia. Obtivo importantes premios e mencións:
- 2º Clasificado (primeiro suplente) na fase autonómica do 4º Certame Nacional de Interpretación Intercentros.
- Diploma pola obra Pinocho e a súa contribución ao reperto-rio galego.
- Primeiro Premio no II Concurso Iberoamericano de Composición para Banda de Música "Vila de Ortigueira".
- Bolsa para Estudos Cinematográficos no taller de composición para o audiovisual "Úbeda V".
- Primeiro Premio no II Concurso Galego de Composición para Banda de Música (Sección Concerto).
- Primeiro Premio no II Concurso Galego de Composición para Banda de Música (Sección Sinfónica).
- Premio de autoría galega pola obra Lembranzas do Mar no III Certame Galego.
- Primeiro Premio no III Concurso Galego de Composición para Banda de Música (Sección Concerto).
- Premio de autoría galega polas obras Gavilán (3ª Sección) e Marea Negra (1ª Sección) no IV Certame Galego.
- Primeiro Premio no IV Concurso Galego de Composición para Banda de Música (3 Categoría).
- Primeiro Premio no IV Concurso Galego de Composición para Banda de Música (2 Categoría).
- Nominado aos prestixiosos "Hollywood Music in Media Awards (2013)" , tanto en "Classic" por "Os Heroes do Orzán" como en "Contemporany" por Gavilan: a wizzard of Earthsea.
Licenciado en Filoloxía e Profesor de Secundaria no I.E.S.“Miguel Ángel González Estevez”, O Carril (Vilagarcía de Arousa).
Ten realizado estudos sobre a historia e a literatura rianxeira, en especial de Rafael Dieste, Castelao ou o poeta Brea Segade.
Autor de Un reiseñor canta lonxe (Xosé María Brea Segade: o home e a obra), Deputación de A Coruña, 2004, onde aborda a biografía e a edición crítica da obra coñecida do escritor rianxeiro.
Tamén fixo para o Consello da Cultura Galega, en 1995 (Ano en que a Dieste se lle dedicou o Día das Letras Galegas), o estudo crítico e transcrición do facsímile da revista Charamuscas, publicada na guerra de Marrocos por Rafael Dieste e Brea Segade.
Estudos sobre Lorenzo Varela e a literatura do exilio no “Congreso para o estudo dos escritores do exilio republicano”, Facultade de Filoloxía, Compostela, 1999, e no “Congreso sobre Lorenzo Varela”, Monterroso, Letras Galegas 2005.
Membro fundador das Asociacións Culturais “Galicia Viva” e “Barbantia”.
A finais dos anos 40, na capital arxentina, a Sociedade “Ayuntamiento de Rianjo y Taragoña” (Unificadas) no seu órgano de información, a publicación Rianxo, achéganos información referente á vida societaria, na que aparecen os estreitos vínculos que mantén co ilustre paisano nos derradeiros anos da súa biografía.
Dende a súa chegada ao exilio americano, en 1940, as Sociedades galegas en Bos Aires vanse facer eco arreo das actividades, inquedanzas e contactos habidos co home que foi quen de manter vivo o espírito galeguista e o profundo amor pola Terra na outra banda do mar.
Os datos que temos corresponden aos últimos anos da súa biografía (1948-50) e do seguinte ano cando se celebra o seu cabodano. Na publicación Rianxo, ademais das actividades internas dirixidas aos asociados e das continuas lembranzas das terras rianxeiras, hai un importante apartado que pretende manter aceso o facho da cultura galega, con colaboracións literarias de persoas próximas á Sociedade ou enviadas dende Rianxo, xunto con escolmas dos grandes intelectuais rianxeiros, Castelao, Manuel Antonio ou Dieste. O propio Castelao vai participar nos actos societarios, xa sexa coma orador político ou coma invitado aos variados actos lúdico-festivos organizados polos centros galegos (xantares, romarías, veladas teatrais ou musicais, ...)
O primeiro número da revista Rianxo publícase en 1948, e da popularidade conseguida co primeiro número dá fe a anécdota de que cando se recibe en Rianxo, xuntouse moita xente para saber dos irmáns de América, e houbo que nomear a unha persoa que lla lera en voz alta aos asistentes. Entre eles cítase que asistiron as irmás de Castelao, a dona do doutor Miguel Rodríguez (1º alcalde de Rianxo na República, natural de Taragoña e logo, exiliado), o doutor Ramón Baltar, Cándido González, o boticario ou o avogado Ameixeiras.
A primeira referencia a Castelao vai acompañada de fotografía, e nela aparece rodeado pola Comisión de Damas que se encargou de servir aos comensais no xantar aniversario da Sociedade, celebrado o 29 de agosto do ano 1948 no salón federal das Sociedades; ao seu carón, unha das damas leva un grande ramo de flores. [foto 1]
O acto contou cos discursos do secretario da sociedade e de Rey Baltar que fixeron unha chamada á acción societaria polo ben de Galicia e da democracia republicana. Logo, tomou a palabra Castelao quen despois de contar algunhas anécdotas referidas á súa biografía política, referiuse aos problemas de Galicia e da República española, afirmando que a Terceira República debía ser federal.
Castelao viña de pronunciar nese mesmo verán, o Día de Galicia, o inmorrente discurso Alba de Groria e a súa presenza nos actos da Sociedade rianxeira foi moi celebrada. A revista inclúe o relato de Cousas, “O pai de Migueliño”, cunha foto do autor durante a súa intervención oratoria.
O pasamento de Castelao ten lugar o 7 de xaneiro de 1950 e o número 3 da revista Rianxo, editado en setembro dese ano, enche a portada coa fotografía do insigne rianxeiro. A foto ten un autógrafo dedicado polo propio Daniel e encabeza a ilustración o seguinte texto: “O apóstolo da redenzón galega, Dr. Alfonso R. Castelao, ilustre fillo de Rianxo”.
O número 4 [foto 2], de setembro de 1951, dedícalle cinco páxinas ao cabodano de Castelao. Abre a reportaxe un editorial do xornal Galicia, datado en xaneiro de 1951 e baixo o epígrafe “Ecos del primer aniversario del fallecimiento de Castelao” fai un panexírico do intelectual galego no que se resalta a súa personalidade íntegra e o patriotismo, ao tempo que resalta a imposibilidade de expresar con palabras tódalas emocións que o seu nome invoca:
«GALICIA dedica integramente sus páginas, y más que sus páginas dirige su men-te y alinea su corazón en tu memoria, honrando de manera especialísima al hom-bre,...»
Vén de seguido un artigo do taragoñés José Otero, datado o 7 de xaneiro de 1951, titulado “Fai hoxe un ano” no que fai un peecorrido sentimental pola figura de Castelao. Escrito en galego, algo moi habitual nas numerosas colaboracións de Otero; pero con moi pouca presenza nas páxinas da publicación. Constatamos un certo elitismo na utilización do castelán para a información societaria, publicidade, correspondencia, lembranzas das terras rianxeiras ou algunhas colaboracións literarias e o galego, só para a poesía, relatos ou en certas evocacións da Terra nas que prima a visión costumista do mundo rural e mariñeiro. Trátase, pois, dunha valoración diglósica e mesmo folclorista da lingua galega, relegada a un segundo plano na vida da Sociedade.
O texto, nun ton lírico e intimista, reproduce un discurso altisonante e cheo de tópicos sobre a personalidade do galeguista, dende a nostalxia da emigración bonaerense. Velaí un momento do artigo onde dá a súa versión persoal sobre os nomes do rianxeiro:
«Prós que convivimos parte da nosa adolescencia con “Daniel” (os rianxeiros eisí o nomeamos xa que o de Alfonso debeuse a un erro do amanuense no rexistro civil) sentimos na data de hoxe unha tristura que nos ateaza a ialma;...»
Noutro intre, Castelao identifícase coa entrega a unha causa e coma unha pomba da paz ferida de morte:
«Daniel pechou os ollos no exilio cunha vida chea de sagrifizos en costante loita por unha causa nobre e xusta; pasou á inmortalidade cun tristeiro abatemento de ás, o mesmo que unha pomba mensaxeira de paz, ferida treidoramente polos traficantes da desfegurazón do mundo».
De seguido, a alma voa a Rianxo para participar no seu cabodano, mentres soan as campás e os rianxeiros se estremecen de dor. É evidente a idealización dende a outra banda do Atlántico dunha realidade galega moi lonxe da imaxinada por Otero. En plena Ditadura, o silencio arredor da figura de Castelao é total, relegando a noticia da súa morte ás páxinas interiores dos xornais, e aínda máis no intre do seu cabodano: nin as campás soaron nin os rianxeiros choraron a súa ausencia. Na mente de Otero, o mar de Rianxo e os montes de Taragoña son testemuñas dos rezos e a protesta calada das clases populares polas que el tanto loitou:
«Dende a Punta de Fincheira até os outos penedos do Castro Barbudo, mariñeiros e labregos ollarán de novo até os lonxanos hourizontes e ceibarán, camiño do alén, unha mística oración con homildoso recollimento, envolveita na rebeldía dunha maldizón en baixa voce».
Agora, Castelao é a voz que denuncia as inxustizas e lidera a loita anticaciquil. Dende un recanto rianxeiro cheo de resonancias poéticas e simbólicas, a praia de Tanxil, a súa palabra fai abanear os alicerces do pazo de Viturro, en Rianxiño:
«Aínda parés que foi onte, cando unha dourada tarde de sol outonal, dende aquela praia de Tanxil, de miúda area e aterciopelada calma, as súas verbas –recramando xusticia e libertade prá nosa terra- facían tambalear a fortaleza feudal daquel castelo, apostado e desafiante, aló nos confíns de Rianxiño».
O artigo homenaxe da revista Rianxo vai acompañado de abondosa documentación gráfica: unha foto súa de madurez, cos lentes, paxarela e un sorriso contido; unha foto de neno, con traxe e boina; imaxe de don Mariano embarcado, con traxe e a man no temón do barco; tres debuxos de Cousas da vida e, para finalizar, unha foto documental na que a Comisión Directiva e de Prensa da sociedade rianxeira en Bos Aires fai a garda de honor diante do busto de Castelao, co gallo do seu cabodano.
Ampla reportaxe dedicada ao xantar aniversario do 10 de setembro de 1950, realizado no salón teatro da “Federación de Sociedades Gallegas”. Antes de comezar o aspecto lúdico e gastronómico da xuntanza, a figu-ra de Castelao volve a ser motivo de homenaxe, xunto coa figura do Libertador de América, xeneral José de San Martín, no centenario do seu pasamento [Foto 3]. As dúas terras, a de nacemento e a de acollida, xuntas no respecto e a lembranza, a través de dúas personalidades inmortais.
De novo, a invocación é lida por José Otero, secretario da Sociedade, quen lle pide a tódolos asistentes se poñan en pé e garden un minuto de silencio. Nas súas palabras destaca a identificación da Sociedade coa ideoloxía de Castelao e anima á colectividade a seguir o seu pensamento:
«Recollamos todos a súa herencia espiritoal e que ninguén se deteña no sendei-ro que el nos sinalou, até conquerir a libertade integral da nosa terra».
Ao longo do xantar, que tamén celebraba as festas da Guadalupe en terras americanas, vai haber música, lectura de poemas en lembranza de Castelao e discursos que pretenden ter moi presentes as imaxes de Galicia. Rianxo e a súa festa máis querida enchen o salón e a cabalo da morriña van desfilando os sons, arrecendos, imaxes cheas de cor, a devoción relixiosa e unha ringleira de emocións que aglutinarían o sentimento de unión entre os socios e o vínculo coa Terra.
Malia os anos e os transatlánticos ateigados de ilusións e esperanza, coas emotivas palabras do discurso do presidente da Sociedade, Olegario Insua, estalou no centro de Bos Aires a festa da Virxe moreniña: alí estaba a procesión pola ría, a festa no Campo, a verbena da noite coa iluminación dos clásicos faroliños, o son da gaita, o ruído alegre do carrusel, os bonecos paroleiros, as sesións de foguetería coa roda de fin de festa que todos admiraban abraiados e, finalmente, a emoción na gorxa mentres o globo grande se elevaba.
Era a festa grande dos rianxeiros na diáspora e Daniel, que nos seus tempos mozos fora bailador e divertido, lembraría a Sabela, aquela mo-za que facía arredar a tristura e que bailaba coma un argadelo, para lle dicir de novo:
- ¿Qués que botemos esta polca?
A Ermida de Bexo, 2013.
Nado en Taragoña en novembro de 1977. Realiza o estudo das primeiras letras no colexio unitario de Cuvide, e posteriormente no colexio público Xosé María Brea Segade. A secundaria realízaa no IES de Rianxo (actualmente o IES Félix Muriel).No ano 2002, remata os estudos superiores na Universidade de Santiago de Compostela, cursando a licenciatura en Historia, coa orientación curricular en Prehistoria e Arqueoloxía.Entre os anos 2002 e 2004 realiza os estudos de Terceiro Ciclo, e obtén o DEA (Diploma de Estudos Avanzados) coa defensa do traballo de investigación: Setepías e O Regueiriño: a problemática dos procesos formativos dos xacementos arqueolóxicos da Prehistoria recente no Noroeste; dirixido polo Catedrático de Prehistoria do Departamento de Historia da U.S.C. Dtor . D. Ramón Fábregas Valcarce.Simultaneamente, no ano 1999, participa na primeira intervención arqueolóxica na estación megalítica de Hayas en Cantabria, dirixida pola profesora titular de Prehistoria da USC, Dtra. Dna. María Remedios Serna González. Ao ano seguinte volve participar no mesmo proxecto. No ano 2001, obtén unha bolsa do FEUGA (Fundación Empresa - Universidade Galega), para a participación no proxecto de escavación arqueolóxica nos futuros terreos do parque insdustrial-comercial do Milladoiro (Ames).No ano 2001, e previo a rematar os estudos, incorpórase ao sector empresarial da arqueoloxía de xestión, primeiramente como operario especializado, e logo como equipo técnico. En xuño de 2002 dirixe a súa primeira intervención arqueolóxica en Vigo.Ata a actualidade, e dentro do ámbito profesional ten participado en máis dun cento de intervencións arqueolóxicas, das cales ten dirixido máis de medio cento (57), e participado en numerosos equipos técnicos. Tamén colaborou nalgún proxecto científico. Ten intervido nun amplo abano de xacementos de cronoloxías diversas, dende a Prehistoria recente ata a rehabilitación de inmobles urbanos do s. XIX; así mesmo, ten levado a cabo un variado tipo de intervencións, dende o estudos de impacto no patrimonio cultural de grandes obras de infraestruturas (Tren de Alta Velocidade, portos recreativos, liñas eléctricas, redes de servizos, concentracións parcelarias, ...), escavacións en xacementos, sondaxes valorativas, controis e seguimentos de obras varias, etc.No ano 2006 incorpórase á praza de técnico-arqueólogo do Centro Arqueolóxico do Barbanza, entidade dependente do Concello de Boiro, onde vén realizando parte da súa dedicación profesional ata a actualidade. En 2009 desenvolve traballos para a Administración autonómica, concretamente para a Subirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Consellería de Cultura e Turismo, da Xunta de Galicia).Ten asistido e participado en varios congresos nacionais e internacionais, tanto de arqueoloxía prehistórica como de museografía e antropoloxía cultural.É membro do comité organizador do programa Encontros Arqueolóxicos do Barbanza dende a primeira edición (2007), coordinador e director técnico de varias publicacións, principalmente en formato dixital (Prehistoria recente do Barbanza, xornadas monográficas sobre o patrimonio rural; ...); membro de varios comités de coordinación, relator de cursos varios, responsable dos traballos de seguimento de convenios de colaboración entre distintas entidade, coordinación técnica de exposicións (Os primeiros poboadores de Galicia). Ten publicado artigos en revistas especializadas e monografías; un dos últimos relacionado coa descuberta dunha necrópole mixta de cremación e inhumación na praza de Rafael Dieste en Rianxo.É colaborador habitual do suplemento Barbantia e da prensa local.
O xoves 12 de agosto de 2010, estaban acometéndose unha serie de obras de rehabilitación en dúas casiñas situadas na praza de Rafael Dieste de Rianxo, concretamente os inmobles número 9 e 10.
Estes inmobles atópanse preto do nobre Pazo Martelo, que foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1972; e do Cruceiro da Praza da Igrexa que tamén ten a consideración de Ben de Interese Cultural; asemade, as obras atópanse a menos de 200 m da Igrexa parroquial, o que motivou que o proxecto de rehabilitación fose sometido a criterio da Comisión Territorial da Consellería de Cultura e Turismo da Coruña, que o 23 de setembro de 2009, informa favorablemente as obras, pero establecendo a cautela de que as obras deberían contar cun proxecto de control e seguimento arqueolóxico.
Redáctase o citado proxecto arqueolóxico e remítese á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo para a súa aprobación; e, o 13 de maio de 2010 autorízase. As obras de rehabilitación comezan o día 11 de agosto, e o día 12 arredor das 13:30 horas, coincidindo coa apertura do oco preciso para instalar o foxo do ascensor, localízanse as primeiras evidencias arqueolóxicas.
Unha intervención arqueolóxica que inicialmente se postulaba como de escaso interese, dado que as obras de rehabilitación só contemplaban a realización dunhas gabias de 40 cm de ancho por 40 cm de fondura, ademais do xa mencionado oco do ascensor. Para a realización das gabias non se precisaba a remoción de grandes cantidades de terra, e aínda así era a nivel superficial; tendo en conta ademais, que se descoñecía a existencia de restos arqueolóxicos polas zonas máis próximas; todo facía pensar que a intervención carecía de risco patrimonial; é dicir, soamente a situación legal, por atoparse ao carón do Cruceiro, Pazo Martelo e a menos de 200 m da Igrexa, facían preciso dar cumprimento á normativa, e realizar un control arqueolóxico "rutinario".
A fortuna quixo que as tornas cambiasen, e o desconcerto rapidamente fixo a súa aparición, resultaba extraordinario o que estaba a aparecer. Os feitos desencadéanse rapidamente, localízase nun dos perfís do oco do ascensor un muro de gran porte e relativamente ben conservado; namentres noutro dos perfís, atópase unha tégula (tella plana de grandes dimensións empregado en época antiga como material construtivo). A propia disposición da tégula, en vertical, e perfectamente conservada, ao carón dunha gran lousa de xisto, chantada de maneira vertical, xunto con algunha outra evidencia, puña de relevo a existencia dunha estrutura arqueolóxica, de cronoloxía antiga, e que semellaba puidese estar sinalizando unha tumba.
Ao día seguinte, procédese a documentación minuciosa dos restos; e por imperativo legal, e polo excepcional do achado, ponse en coñecemento da Administración autonómica, que é a competente para estes mesteres. O día 17 de agosto, cúrsase inspección por parte do arqueólogo territorial da Coruña ao solar, avalíanse os restos e decídese conxuntamente a estratexia a seguir.
Nos días seguintes, procédese á limpeza minuciosa da zona do oco do ascensor, e estudo en detalle das evidencias, detectándose nesta zona do solar unha superposición de sete fases de ocupación, das cales soamente a última e penúltima fase estaban relacionadas coa dinámica histórica dos inmobles que eran obxecto de rehabilitación; namentres, as outras cinco estaban relacionadas cun espazo funerario, onde se localizaron 8 sepulturas; 5 das cales se correspondería co rito de inhumación e 3 de incineración; todas elas sen enxoval (ao menos as intervidas) e ordenadas arredor dunha construción e paralelas unhas as outras cunha orientación leste – oeste (inhumación), indicando a alternancia de rituais ao longo dun período relativamente amplo, e en ningunha das intervidas se localizou enxoval. A ausencia de enxoval pode explicarse por cuestións simbólicas, como acontece no mundo cristián; ou ben por cuestións socioeconómicas, en caso de tratarse dunha clase social caracterizada pola pobreza extrema.
Segundo a información da que se dispón para a realidade galega, semella que o cambio de ritual funerario de incineración a inhumación acaece a finais do s. II d.C.; porén, a simultaneidade de rituais é habitual ao longo de todo o período romano e posiblemente en datas máis tardías. Aínda así, é habitual que as inhumacións romanas vaian acompañadas dun enxoval a modo de ofrendas, a diferenza do que sucede cos primeiros enterramentos cristiáns que se caracterizan pola súa ausencia.
A mediados do século III d. C. pódense fixar as orixes do cristianismo en Galicia, a pesar de que non será ata o ano 313 d.C. co Edicto de Milán, cando se oficializa a tolerancia do Cristianismo, e posteriormente no ano 380, co Edicto de Tesalónica, cando se torna en relixión do Estado. No século IV, existe constancia documental a través dos concilios episcopais e dos restos arqueolóxicos, como acontece co sartego da igrexa de Termes, Carballedo – Lugo pertencente á época constantiniana, datado entre o ano 320- 330 d.C. Asemade, continuará a coexistir durante varios séculos o rito pagán co Cristianismo, a incineración e a inhumación; ao non existir unha espiritualidade homoxénea. Dende unha perspectiva arquitectónica, as sepulturas de inhumación de época romana presentan unha forma rectangular, que posteriormente se tornarán cada vez máis paralepípetas e antropomorfas nas necrópoles paleocristiáns, como podería ser o caso das sepulturas 7 e 8.
Atendendo ao caso rianxeiro, onde se contan con varias sepulturas de incineración, outras tumbas de inhumación que están feitas con materiais construtivos de época antiga reaproveitados froito do desmantelamento de estruturas anteriores, posiblemente de época romana, entre outras consideracións máis técnicas; puidemos establecer unha cronoloxía ampla establecendo unha orixe arredor do s. II d.C. e un abandono anterior ao séculos centrais da Idade Media (s. X-XII), posiblemente nos século VI-VII d.C., convencionalmente o que consideramos Antigüidade e Tardoantigüidade ou período xermánico.
O 2 de setembro de 2010, emitiuse un informe no que se valoraban os restos atopados para que a Administración puidese determinar a viabilidade das obras de rehabilitación; e o 30 de setembro, a Comisión Territorial do Patrimonio Histórico da Coruña acorda, entre outras, conservar os restos in situ das estruturas arqueolóxicas, e continuar coas obras de rehabilitación. Aínda que non se citaba expresamente a exhumación dos restos cadavéricos atopados, si permitía a recuperación e traslado de tres das tumbas que foran escavadas parcialmente.
O 15 de outubro, a reporteira da Voz de Galicia, Marta Gómez, facíase eco da nova co seguinte titular "Hallan en Rianxo los restos humanos más antiguos del área barbanzana", que serían os prolegómenos para que outros moitos medios fixasen a atención nos restos rianxeiros, e os veciños tivesen coñecemento do acaecido. Fóronse sucedendo a novas, e o martes 19 de outubro chegaba a antropóloga física Olalla López para exhumar os restos da sepultura 7; e o venres 22 de outubro, a empresa de restauración e conservación BIC, procedía á consolidación dos restos in situ e á exhumación dos restos da sepultura 2, namentres o martes 26 de outubro procedíase a exhumar os restos da tumba 8. Paralelamente, sucedíanse unha serie de reunións coa Administración e cos promotores das obras de rehabilitación, sendo conscientes da importancia dos achados e da transcendencia dos mesmos. Propuxemos realizar unha escavación en área de cara a exhumar todas as tumbas e valorar o resto da parcela, para poder coñecer exactamente a potencialidade do xacemento e que permitise achegar máis información sobre os primeiros séculos da Historia rianxeira. A proposta materializábase tentando satisfacer os intereses de todas as partes implicadas, dunha banda os promotores da obra de rehabilitación non deberían ver demorada en exceso a continuación das obras, polo que a intervención non superaría os 30 días; mentres tanto, as obras poderían continuar centradas nas plantas superiores; a Administración autonómica soamente debería sufragar os gastos para consolidar os posibles restos cadavéricos que aparecesen antes de retiralos para evitar a súa perda; e nós acometeriamos gratis et amore a escavación arqueolóxica. A pesar dos enormes esforzos feitos, non foi posible conxugar os distintos intereses, polo que o día 2 de novembro procedemos, moi ao noso pesar, a dar cumprimento ao acordado pola Administración autonómica e proceder ao selado dos restos, empregando para isto un elemento sinalizador e area como amortecedor, para que a obras continuasen.
Os restos exhumados da tumba 7 e 8 foron obxecto de estudo por parte da antropóloga física Olalla López Costas, que de maneira gratuíta asumiu o traballo, e se encargou de remitir unha mostra de tecido óseo ao laboratorio Suerc Radiocarbon Dating en Escocia para a súa datación; que finalmente non foi posible ao non conter o suficiente coláxeno que permitise obter a data dos restos; tampouco foi posible, polo momento, empregar outros métodos, que habelos hainos, e non excesivamente caros. Aínda así, o rigor do traballo da antropóloga permitiu detectar a presenza dunhas vertebras dun peixe ao carón do fémur dereito, que poderíanse explicar como consecuencia das festas denicais, que eran celebracións funerarias nas que se visitaban as tumbas e facíanse sacrificios e depositábanse nas tumbas a través de condutos, como no caso rianxeiro a través do oco existente nunha das lousas de cobertoira da sepultura 7. Celebrábanse en distintas datas, como por exemplo no aniversario da morte do defunto, nos idus, nas Kalendas e nonas. Tamén sabemos grazas ao estudo antropométrico que se trataba dunha persoa de entre 9 e 13 anos.
Durante o mes de novembro do 2010, o Concello de Boiro, tras comprobar que o Concello de Rianxo non acollería os restos exhumados, ponse a disposición da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, para solicitar o cambio de depósito dos restos exhumados para o Centro Arqueolóxico do Barbanza que neses intres estaba inmerso nun proceso de conversión en colección visitable, o que suporía posteriormente acadar o rango de centro museístico, de ámbito local e de natureza arqueolóxica, que será o primeiro a nivel galego.
Finalmente, o 22 de marzo de 2011, comunícaselle ao Concello de Boiro o cambio de depósito dos restos exhumados en Rianxo para o Centro Arqueolóxico do Barbanza, ao ter en conta os criterios de proximidade e que a institución que recibe os restos teña na tipoloxía dos seus fondos os de carácter arqueolóxico, e o seu ámbito territorial concorde co da zona de intervención arqueolóxica; ademais de cumprir cos requisitos de accesibilidade e que os fondos conten coas atencións básicas para a súa conservación, custodia e difusión.
A modo de epílogo, diremos que o achado foi excepcional, xa que logo será moi pouco probable que volva darse o conxunto de circunstancias extraordinarias para que os restos humanos tan antigos se conserven, non só en Rianxo, senón na comarca, e dos poucos conservados na Galicia atlántica, onde a acedume do terreo é un catalizador para a descomposición da materia orgánica; polo que estamos en condicións de dicir que atopamos o primeiro "rianxeiro ou rianxeira" do cal temos novas a través da arqueoloxía, que amplía e enriquece a historia do pobo de Rianxo. Aínda que se desen as condicións excepcionais precisas para a conservación dos mesmos, pouco probable, sería preciso detectalos, circunstancia que non só depende da pericia do arqueólogo/a senón doutros moitos factores; en resumidas contas, podemos empregar o paralelismo do casco de ouro de Leiro, e pouco probable que volva aparecer outro en Leiro ou Rianxo, teñamos en conta que existe algún outro paralelo como os casos ou vasos de Astroki, pero non son abundantes nin frecuentes, senón a excepción. Neste caso consolanos que os restos dos primeiros/as rianxeiros/as non tiveron que emigrar, senón que descansan, agardemos que non eternamente, nos depósitos do Centro Arqueolóxico do Barbanza. Debera ser motivo de orgullo e dignidade que sexamos un pobo cunha historia tan lonxeva e singular, onde temos o pracer, o goce e a excelencia de coñecer fisicamente a nosa proxenie, estirpe, casta, liñaxe.
Alma Caamaño Romero é profesora no C.E.P. Xosé María Brea Segade de Taragoña. Estudio gaita cos grandes gaiteiros rianxeiros Ramón Carou e Xosé Romero, recibindo algunhas clases de Prudencio Romo, membro fundador de Os Tamara e director do coro do Liceo Marítimo de Rianxo. No conservatorio de Santiago de Compostela estudou piano e canto coral. Alén da gaita destaca como instrumentista co acordeón. Desde 1993 dirixe a Banda de Gaitas Buxaina, de Taragoña, agrupación coa que no 2008 participou no disco Son de Rianxo [Actus]. Formando parte do grupo de pandereteira guardés Tambalu-ca, grava en 2011 o disco Que bonito é [Dos Acordes]
É escritora, xornalista, técnica audiovisual, actriz e directora teatral.
Licenciada en Xornalismo e Técnica Superior en Imaxe, tras traballar durante anos no eido audio-visual, decide cambiar o seu rumbo vital no 2006 de cara ao teatro e a creación propia.
É así como comeza a formarse como actriz en Espazo Aberto, na Escola Internacional da Comicidade.
Na actualidade estuda dirección Escola Superior de Arte Dramático de Vigo (ESAD). Dirixe dende o 2011 o Cadro Artístico Airiños, actividade que compaxina coa creación propia de espectáculos, os seus estudos, e a creación literaria (sexa esta para o papel ou para o recitado oral).